//
estás a ler...
Uncategorized, Xestión Cultural

COMUNICADO DO SECTOR DAS ARTES ESCÉNICAS


A Cultura do noso país está a sufrir unha dobre crise. Á crise económica xeral súmase a da política sen proxecto nin plans de futuro, de improvisación e desidia, de mala xestión e ineficacia administrativa dos responsables da AGADIC, da Consellería de Cultura e da Xunta de Galicia.

No sector das Artes Escénicas aprovéitase a coartada da crise económica e do enorme lastre da Cidade da Cultura para meter as tesouras aplicando recortes porcentualmente desproporcionados aos que se engade o incumprimento de acordos, compromisos e orzamentos previamente publicados.

As Artes Escénicas precisan da axuda pública que devolve como un servizo ao público. O público galego ten o dereito a gozar dos espectáculos producidos no noso país. Lonxe de velar polo desenvolvemento, promoción e difusión das Artes Escénicas de Galicia, o goberno actual está disposto a desmantelar o tecido creado nas últimas décadas. O uso e fomento da lingua galega está freado por decretos como o do plurilinguismo, a falta de apoio e de axudas ao asociacionismo e á cultura de base e a priorización de proxectos alleos nun alarde de cosmopaletismo que coloca a nosa práctica escénica en condicións de marxinalidade. Abdicar dos principios básicos da nosa identidade é atacar os alicerces da nosa cultura. Semella que temos o inimigo na propia casa.

A morosidade no pagamento das facturas ás empresas do ámbito escénico que acumulan atrasos superiores aos seis meses, a demora na publicación no DOG da resolución das axudas á produción, distribución, continuidade escénica e compañías residentes e a hipoteca dos orzamentos de 2011 con cargo ao ano seguinte, asfixian ao noso colectivo e impiden a mínima viabilidade económica do sector.

Por todo isto queremos alertar diante da gravísima situación na que nos atopamos que se pon en risco de subsistencia o traballo de centenares de profesionais das Artes Escénicas: actores, directores, bailarins, técnicos, produtores, dramaturgos, escénografos, figurinistas, iluminadores,

atrezistas, músicos, etc. Están en risco de desaparición as compañías de teatro, as empresas de servizos técnicos e loxística espectacular. Está na beira do abismo o sector das industrias culturais de Galicia que segundo os informes da propia AGADIC constitúe o 2% do PIB.

Esiximos medidas urxentes para paliar a dobre crise na que estamos mergullados. Esiximos o pagamento inmediato das facturas pendentes, a publicación urxente da resolución de axudas e o cumprimento do orzamento do ano 2011 por parte dos responsables de AGADIC e da Consellería de Cultura e, no seu defecto, a súa dimisión. Esiximos o respecto polo exercicio do noso traballo e pola dignidade do público e da cultura galega.

Asinado:

ESCENA GALEGA (Asociación de Compañías Profesionais de Galicia)

AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: